lunes, 15 de febrero de 2016

Monforte de Lemos (Lugo), lugar de culto ortodoxo


O templo da Régoa acolle as celebracións do colectivo romanés do sur de Lugo e Ourense. A misa garda similitudes coa tradición católica de Roma, pero é máis longa e máis vistosa.

O segundo domingo de cada mes, a igrexa da Régoa de Monforte acolle unha eucaristía ortodoxa á que asisten os integrantes da comunidade romanesa asentada no sur da provincia de Lugo e o norte de Ourense.

A iniciativa xurdiu hai catro anos, por parte da comunidade romanesa da Ribeira Sacra. Logo de varios trámites co bispo de Lugo e o propio párroco da Régoa foi posible establecer a rutina e que os practicantes ortodoxos dispuxesen dun espazo para o seu culto.

O Padre Basilio Savchuk é natural da actual Ucraína. Formouse no Seminario e na Universidade e veu a Galicia pola mala situación do seu país, pero tamén para reflexionar sobre o seu futuro relixioso. "Os sacerdotes ortodoxos podemos casarnos e ter fillos pero os bispos non poden contraer matrimonio, deben ser célibes", explica. "Vin aquí para ver cal dos camiños tomar e nunha cerimonia coñecín a unha galega ortodoxa", engade. Foi entón cando casou e foi nomeado sacerdote ante o Patriarca de Constantinopla. "Agora teño tres fillos e traballo nunha fábrica para manter á miña familia".

Gheorghe Szabo forma parte da asociación relixiosa ortodoxa romanesa de Monforte, un colectivo que conta con 75 socios oficiais, pero que move a unhas 300 persoas. Esa agrupación foi a que comezou o proceso para que as misas puidesen celebrarse en Monforte.

"Nós estamos completamente integrados nesta cidade, pero gústanos manter a nosa fe e a nosa tradición relixiosa", explica. "Tamén veneramos a Santa María e participamos dos actos do día 15 de agosto que se organizan en San Vicente", engade Szabo. "Temos moitas cousas en común e podemos asistir á misa da tradición de Roma", di.

Ana Rodil


Fonte: El Progreso